Hai un par de semanas lin unha breve (mais bastante boa) biografía de Hemingway, escrita polo novelista Anthony Burgess, na versión española de Salvat Editores.
A Ernest Hemingway pásalle como, por exemplo, a Camilo José Cela: a vida faille sombra á obra. A min gústame ler biografías. De vez en cando deixo a un lado outras lecturas urxentes e dispóñome a saber, con calma, da vida de alguén, como se descansase á sombra do existir e sentise na pel a frescura das miserias humanas. Sempre me divertiu a imaxe de macho alfa que de si mesmo foi labrando Hemingway. Parece estar constantemente pedindo perdón por ser escritor, por caer nesa debilidade que hai quen xulgue tan pouco masculina. Por razóns diferentes, que non veñen agora a conto, tamén eu teño sentido vergonza por escribir. Deus me libre de querer compararme con este nin con ningún outro que respecte como escritor, mais non puiden reter o sorriso ao ler algunhas pasaxes nas que se relatan certas bravucadas coas que podería identificarme a xente que me coñeza, quen me oíra ladrar (sen morder) algunha vez: "vouche partir as pernas".
Aquí van unhas cantas perlas pulidas polo biógrafo:
Eastman dixo algo sobre que o estilo literario de Hemingway era como "falso pelo no peito" e Hemingway rebentou. Eastman era un porco e un traidor e, ademais, impotente e estaba máis celoso que todos os demos dun home de verdade que podía "partirlle a alma a hostias a calquera deles" e, ademais, sabía escribir. Un destes días, dixo, faría papas a Eastman. Eventualmente tivo a súa oportunidade na oficina de Max Perkins, onde encontrou ao outro Max conferenciando co editor sobre o seu novo libro de ensaios. Ao principio Hemingway contentouse con comparar, sorrindo, o seu peludo peito co lampiño de Eastman. Despois viu que Eastman propuña que incluísen Touro na tarde na colección de ensaios e comezou a baterlle. Non houbo feridos de importancia.
...
A revista Bookman atacara a Hemingway como un escritor "sucio" e Hemingway ofreceuse para ir alí e partirlle a cara ao editor.
...
O seu antigo amigo e editor, McAlmon, ía, segundo Scott Fitzgerald, dicíndolle á xente que Pauline era lesbiana e Ernest un maricón que lle pegaba á súa muller. Hemingway dixo que McAlmon era demasiado desprezable como para ser convertido en papas dunha malleira, pero que supoñía que tería que ir e romperlle os ósos polo seu propio ben.
...
(Gertrude Stein, nas súas memorias) sinalaba que Hemingway tomara o seu estilo dela mesma e de Sherwood Anderson, e dicía tamén que este descendente algo escandaloso era "amarelo". Hemingway replicou que ela era "homosexual e só lle gustaban os homosexuais", e no que se refería a el, el non era "homosexual", el tiña collóns, e, ademais, sabía escribir.
Xusto despois do libro de Burgess lin Póquer de ases, de Manuel Vicent, que é un conxunto de semblanzas biográficas sobre varios escritores. No capítulo "Ernest Hemingway: Tener o no tener la foto", descubrín que "Borges dixo que Hemingway se suicidou o día no que, por fin, se decatou de que era un mal escritor". Porque o gran Borges, aínda que non fose tan amigo de publicala, tamén tiña moi mala hostia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.