"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

venres, 26 de agosto de 2011

Sono cinsento

Mentres remoio os versos aínda pouco convincentes (do libro que hai tempo que tiña que estar publicado), vou petiscando relecturas daqueles poemas dos que máis podo aprender. Uns libros van recomendando os outros. Por exemplo, La voz de Ofelia, de Clara Janés, obreira da poesía á que sempre agradezo gratas descubertas, levoume hoxe ao reencontro cun vello amigo, un dos malditos poetas mortos (amigo que, en vida, foi de Clara Janés, tradutora):


Isto fíxome recordar que aínda non colgara os enlaces das últimas columnas no ABC. Pois a que hoxe deixo aquí, publicada a finais de maio, tamén fai no remate unha alusión a Holan, e a outros poetas que me acompañaron nunha noite de insomnio, cos ollos ardendo, repletos de cinsas e de letras:

O insomnio fai brotar imaxes inesperadas que impregnan os pensamentos como manchas de humidade na brancura das paredes. É a única vitoria que nos concede o tempo que pasa mentres dura a falta de sono. Con inmensa vontade de durmir remoio a entrevista televisiva que vin antes de deitarme, a que lle fixeron no programa Nostromo a Antonio Gamoneda. Dicía el que ás veces lle acontece estar esperto e dormente á vez, por exemplo cando le o periódico, lendo así un xornal que non é o que ten diante, o cal lle ten proporcionado experiencias especiais que aproveita para a poesía. Tento aliviar o meu desvelo co orgullo de ser coñecedor desa beizón ou martirio, e querería poder estar agora moneando ata que un libro me caese das mans, convertido o lido nunha outra lectura que non é a contida no papel. Mais non son quen de crear literatura a partir desa experiencia. (Para seguir lendo picar aquí.)

"ya brotan las cifras o cenizas por tu cuerpo"
Josu Landa

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.