Igual non tarde moito en converterse nun ritual que o algo escangallado colectivo Sacou queira castigar o corpo subindo o doce de outubro ao cume do Monte Pindo. Por agora quedamos apalabrados para repetir o vindeiro ano, pois a última (e primeira) vez xa fora no 2004. Imos empezar a subida. A deste 2011 foi algo así:
Que non leve a engano a alegría dos seus semblantes;
estabamos en pleno intre de descanso, a metade de camiño; cansazo e suor.
Aquí deixo a crónica, máis ou menos sentimental, dos tres ascensos ao mítico monte onde todo é moito máis grande ca nós.
Subín o monte Pindo por primeira vez cando tiña catorce ou quince anos. A excursión fora organizada no instituto e por iso era considerablemente nutrido o grupo de montañeiros afeccionados. Aínda teño na memoria episodios daquel día; é como se o pó erguido da terra pisada se me pegase arredor dos tocelos mentres escribo, conmovido pola fermosura xuvenil que bañaba delicadamente os rostros das compañeiras de promoción (hoxe sei que non estaba namorado de ningunha). Descansamos nun dos chans, facendo paréntese entre a escarpada sucesión de rochas, e vimos bestas bravas a pacer os rebentos máis tenros dos toxos. Debía ser primavera, pois pola tarde, cando xa baixaramos, bañámonos na praia esmeralda e vidrosa de San Pedro, enxugamos o tempo naquela area tan branca. Volvín ver esa escena no final de «Bandeiras dos nosos pais», de Clint Eastwood. (Para seguir lendo picar aquí.)
Non se ve moi ben, pero acolá embaixo está a area branquísima da praia de San Pedro.
Cando subiramos no 2004 fixemos unha chea de fotos; algunhas xa teñen viaxado abondo pola rede, ao meu pesar. Lembro unha na que no alto da Moa emulabamos parodicamente a famosa imaxe bélica "Alzando a bandeira en Iwo Jima", tomada por Joe Rosenthal en 1945 no monte Suribachi. Cando escribín a columna para o ABC non reparara na coincidencia de aludir ao filme de Clint Eastwood. Tampouco en que unha xaponesa se sumara á nova expedición. Debeu ser o espírito da montaña, pechado nas bagas dun acevo, que quixo facer burla miña.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.