Noutra entrada anterior penduraba un texto onde había algunha alusión ao Facebook. Hai un par de noites, mentres vagaba pola rede, quixo a providencia que me "atopase" nesta rede social con dúas ex-alumnas. Estivemos lembrando os bos momentos pasados nas aulas, como aquela semana na que aprendemos a escribir haikus.
Déralles algunhas nocións sobre este tipo de composición poética, convencido de que a escribir poesía apréndese, mais non se ensina. Aínda así, obtivemos un bo resultado no 1º Concurso de Haikus do Val Miñor: un poema de Alicia e outro de Belén (igual que o de Basilio) foron recoñecidos con cadansúa mención honorífica. Que felicidade!
Cando Belén deixou a conversa, vencida polo sono, Alicia e mais eu decidimos escribir entre os dous un haiku, como nos vellos tempos. Noite de abril, chuvia, a lúa chea aínda recente. Escribín o primeiro verso, ela continuou con outro e pechei eu co terceiro. Gustounos o resultado. Escribimos un máis; agora comezaba e remataba ela. E así até que pedín papas para poder ir durmir. Creo que soñei con isto:
En total fixemos sete. Aquí os tedes:
Na noite de abril
pingas de auga.
Levan o sono.
Noites de lúa chea,
bágoas de luz
nas cereixeiras.
Noites na barca,
a luz brilla na casa.
Arde o corazón.
Perla nocturna,
resplandece baixo o mar
a luz da lúa.
Clara luz lunar
brotando no meu peito.
Lirios florecen.
Valse da lúa.
A cereixeira danza
despois do solpor.
Reflexo no mar,
a flor de loto aberta
na noite calma.
Alicia Grandío Arbiol & Ramón Blanco, na madrugada do 12 de abril do 2012.
Aínda podería engadir eu un máis, como resumo do noso proceso creativo común:
Noite de chuvia,
sete haikus galegos,
lúa minguante.
Prometinlle a Alicia que escribiría esta entrada, e por iso quero dedicarlla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.