Naceu no 2009 e tróuxoo meu irmán, Nolo, para a casa. Agora é da familia. Igual ca Tita & Tito (de quen xa vos falei). Ademais é un compañeiro excelente para dar paseos e facer algo de exercicio polos montes de Cando. A única queixa que del podo dar é pola manía que ten de poñerse bravo cando nos atopamos con outros cans, porque é moi sitote, e xa ten levado algún escarmento por iso.
Unha noite do Nadal pasado baixamos ao río. Camiñamos a carón da xunqueira, preto da casa, que é a ruta que facemos cando non dispoñemos de moito tempo. Naquela escuridade fun tecendo na mente algúns versos, enredados na canción "River of tears", de Eric Clapton. De volta na casa, o can foi para o seu apousentamento e eu para o estudio, onde puiden desfacerme dos versos que me tiñan preso. Foi así como escribín un poema para Horus. Publicáronmo no último número da revista Casa da Gramática. Igual queredes lelo...
CANDO BAIXEI CO CAN AO RÍO
Entrou decembro
era noite
hoxe cando baixei co can ao río
el vai sempre diante
a correr
só nos amarra unha corda de pensamentos
chovera toda a tarde e a terra estaba húmida
conforme descendiamos a costa deixando atrás os farois da estrada
a escuridade ía envolvéndonos
el afastábase e a negrura limitábame a vista
cando eu paraba e deixaba de sentir as areas do camiño
remoídas polas botas
oíao escarvar na terra empozada levantando pedriñas que volvían caer
uñas contra pedras e pedras contra auga
como se estivese a desenterrar o segredo da súa especie
non se escoitaba correr o río
paxaros non se oían
mirei a árbore na que acostumo velos pousados
as súas pólas esfolladas non foran tragadas pola noite
semellaban os dedos dunha man diante dos ollos querendo protexelos da claridade
porque a través delas brillaban as luces da outra banda
o seu fulgor percutiría aínda no río cando nós xa non estivésemos
comezou a caer unha chuvia moi fina que foi indo a máis
chamei polo can e veu
saltoume contra as pernas e estampou a súa marca de auga e terra
a proba de que tamén pasamos por aquí
iniciamos o camiño de regreso
chegando á estrada volve a luz
pouco a pouco
a cada paso
agora o can vai canda min
máis amodo ca antes
como querendo retrasar a chegada á casa
o seu cativerio
reviro a cabeza cara ao lugar escuro do que vimos
onde debe estar o río dormente
a árbore espida sen paxaros que fai de man acenando un adeus
agora invisíbel
camiñar acolá era difícil e perigoso
mentres un non se afacía a ver ás escuras
mais tivemos que aprender a andar na noite
a entrar na escuridade
igual que fomos aprendendo a entrar na vida.
As fotografías quitoullas meu irmán na praia de Broña en marzo de 2010. Daquela tería Horus un ano. Tamén el prefire ensinar as fotos de cando era máis novo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.