"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

martes, 1 de maio de 2012

Casares en tres

Xa van alá dez anos da morte de Carlos Casares. Foi un dos escritores galegos que máis popularidade tivo en vida, grazas á súa columna xornalística "Á marxe" (e non polos libros, claro, a pesar de ser un dos poucos novelistas serios que deu este maldito recuncho). Pareceume que ben merecía a miña humilde lembranza, aínda que namais fose polo ben que se portara co colectivo Sacou. 
Aquí deixo o que me publicaron no suplemento do ABC en marzo, varios días despois do décimo cabodano. Distribuín a columna en tres parágrafos, como facía el; daí vén o título (tamén parodiado doutro dunha novela súa):

O nove de marzo de 2002 cadrou en sábado. Pola noite, mentres quentaba nunhas potas a auga que ía servir para bañarme, anotei no diario como soubera da morte de Carlos Casares. Fora pola mañá, de camiño á feira do viño de Chantada. Tiña por diante unha fin de semana prometedora, aqueles días da xuventude e da liberdade, que iamos pasar na casa aldeá que a familia de Sonia ten en Pesqueiras, nas fértiles ribeiras do Miño. Cando Nieves e Mila nos deron a noticia lembrei aquelas xornadas do colectivo Sacou, no 2000, cando convidamos a Casares e Bieito Iglesias para falaren en Noia da súa obra. (Para seguir lendo picar aquí.)


Carlos Casares foi un dos ponentes nas I xornadas do colectivo Sacou

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.