Non sei se vale como xeito de celebralo, mais o Día das Letras Galegas cólleme inmerso en tarefas de documentación e reescritura, queimando a vista en proveitoso coloquio cos defuntos. Despois de xantar, para sentirme un pouco máis normal, tomo o café na horta mentres leo (por primeira vez fóra da cama) Diario de inverno, de Paul Auster, cuxa edición galega é mesmo anterior á do orixinal en inglés. Agrádame recoñecer a prosa deste novelista, como unha cara familiar que nos trae boas lembranzas; xa dixo Stefan Zweig que só é novelista quen constrúe todo un cosmos.
A lingua que falo loce moi fermosa nos bos libros, penso mentres gozo da lectura, do tempo libre e dunha suave brisa que calma a calor. Onda as flores que sobreviven ao seu amor cativo.
Auténtica cara de pracer tena a Tita, a gata, que dorme, estirada a rente do meu antebrazo, sobre a mesa de pedra, onde tantas veces tivo repouso o seu compañeiro: o Tito morreunos hai uns días (sospeito máis ben que nolo mataron) e poñémolo moito de menos. Acórdome do deseño dun gatiño negro que figuraba nas cubertas da colección Libro Amigo, da editorial Bruguera, parte tamén da miña escola, como mostra o exemplar desfeito de La muerte de Artemio Cruz, pousado na mesa de noite, do que lin algunhas páxinas ao chou cando souben da morte de Carlos Fuentes. Pois só son válidas, a falta das feitas en vida, as homenaxes a través do encontro coas obras.

De Valentín Paz-Andrade lera hai uns anos, con moito interese, A galecidade na obra de Guimarães Rosa, demostración do idioma universal. Tamén mercara Cen chaves de sombra, igualmente publicado por Ediciós do Castro (o finado Isaac Díaz Pardo é un dos poucos referentes culturais galegos do ámbito empresarial que superan o labor de Paz-Andrade), mais non souben aprezar o gran poeta do que falaban. Volvo tentalo e sorpréndeme o poema "As ovellas de Joyce", encabezado por unha cita, vertida ao galego, do Finnegans Wake. Cando leo isto aínda non sei que ao outro día hei ter nas mans dúas cartas manuscritas de Otero Pedrayo, o noso primeiro (e pioneiro) tradutor de Joyce, e que a súa letra malfeita -tinta azul sobre papel branco- son ondas do gran río da fala "que verte ao noso canle suas ondas,/ e se fai subterrán en cada noite/ pra renascer no leito das auroras".
Publicado no suplemento Artes & Letras Galicia, do diario ABC, en maio de 2012
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.