Algunha vez oíra falar, sen moito interese, do poetry slam. O que non sabía é que fora inspirado nos combates de boxeo. Pensaba que só tiña que ver coas "pelexas de galos" do hip hop, que tanto nos lembran ás regueifas patrias.
O pasado verán coñecín en Rianxo, na residencia de escritores dos amigos de Axóuxere, a Irene La Sen, que é toda unha experta nestas lides da poesía slam, e fíxome interesarme máis por esta modalidade poética.
Quizais o pánico escénico que teño cando recito en público (o que fai que me considere un pésimo recitador) xustifique a miña preferencia pola lectura silenciosa da poesía, o cal non me impide admirar a valentía dos poetas slam. Tamén admiro o valor dos seus poemas (cando o ten).
Así pois, ninguén máis sorprendido ca min o día que me clasifiquei como finalista no segundo torneo poético do Slam Arousa, o domingo 4 de novembro, no bar Brétema, en Ribeira (desculpade que non sexa tan garrulo como para escribir este topónimo con "v"). Detrás desta iniciativa anda a actriz e poeta Esther F. Carrodeguas. Quen me liaron a min para participar foron Pastor Santamaría e Ali Padín.
Ao final, tras competir na segunda volta co meu amigo Manuel L. Rodrigues e mais con Ramona Golías, o público optou por min. Parecíame incrible, mais así foi. E iso que seguramente o que eu fago fose o que menos lle acaese ao estilo poetry slam. Clasifiqueime para a gran final na Illa de Arousa e déronme este agasallo:
Aquela noite coñecín a Celia Parra, a miña antecesora no premio, finalista en Taragoña. Recoméndovos o seu RE(C)verso, un CD de audiopoemas. Ela si que sabe recitar!
Poucos días despois volvín ao bar Brétema, onde presentei o meu novo libro de poesía. Apenas había xente. Xa vedes que a poética é a máis pasaxeira das glorias. E iso que aprendín a recitar un pouquiño mellor; supoño que algo lle debo a Pablo Sax, o meu acompañante musical na "Xira Emily on the road", quizais o meu mellor mestre no recitado de poesía.
Tamén presentei o libro noutro bar, en Boiro: A Pousada das Ánimas. Alí tiven algo máis de público. Na barra estaba Pedro Campos, a quen coñecera neste mesmo local unha noite na que nos xuntamos nun recital de "poesía salvaxe" (tamén participaba Esther F. Carrodeguas, e coñecina alí) cos poetas da Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol. Curiosamente, poucos días despois, na mesma Pousada das Ánimas, Pedro Campos foi o novo vencedor do Slam.
Polo de agora teño claro que non teño nada que facer contra Celia e Pedro. Danme mil voltas recitando e ao lado deles son un vellouco. Quizais a miña verdadeira vocación estivese no boxeo e non nas letras; pois corpo teño abondo. Mais deixareime caer pola Illa de Arousa. Sempre é mellor escoitar poemas (aínda que sexan malos) que andar ás hostias. Sexa lida ou recitada, haberá poesía!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.