"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

luns, 3 de decembro de 2012

O Poeta Añón e mais eu

A curiosidade por Francisco Añón vénme desde os dezasete anos, cando me premiaron no certame que leva o seu nome no concello de Outes. Como gratitude destinei parte do premio a mercar a tese doutoral de Fernando Bel Ortega, pois sabía moi pouco de Añón; só lle escoitara a algunha profesora e mais a meu avó recitar algún poema de memoria. Grazas a Marita Gosende, a bibliotecaria de Outes, tiven acceso a diversos documentos. Manolo do Río deixoume ler a biografía que escribira Xosefina López de Serantes. E pola miña conta non deixei de anotar e copiar calquera dato que tivese algunha relación coa vida e obra daquel poeta. Despois, estudando o segundo curso de Filoloxía Galega, fixen un traballiño sobre a presenza da sátira e do humor na súa poesía, para a asignatura de Alonso Montero.
Cando Pilar Sampedro contactou comigo e con Santi Nieto para organizarmos un curso na Serra de Outes, en 2004, foi como comecei a traballar máis en serio e axudei a elaborar todo aquel material: a exposición e a súa guía, o roteiro literario, a obra de teatro e mais a unidade didáctica que acabarían callando neste libro, que saíu na editora onde eu traballaba:


Aí foi cando comecei a afondar na vida e obra de Añón, e pouco despois os artigos para a revista Terra de Outes, da asociación homónima, fixéronme manter a constancia; cada tres meses publico sequera un artigo sobre algún aspecto relacionado co poeta, na sección que titulo "Os papeis de Añón". Os números desta revista tédelos pendurados aquí, na páxina web que fixemos os de Terra de Outes para conmemorar hogano o bicentenario do nacemento de Francisco Añón. O noso presidente, Xoán Mariño, foi nomeado comisario do "Ano Añón", decretado polo Concello de Outes. A asociación organizou cursos e xornadas, tivo lugar un congreso na Cidade da Cultura, a directiva da RAG reuniuse en Outes no día do aniversario (9 de outubro), levouse a cabo a edición facsimilar dos seus poemas galegos, gravouse un disco, filmouse un documental... E a min encargáronme unha nova biografía hai agora un ano. Por sorte a maior parte do traballo de documentación xa estaba rematado, dadas as miñas achegas anteriores, de aí que puidese entregala sen problema a principios de xuño. Finalmente o novo libro (que vedes na marxe dereita deste blogue) incluía unha escolma poética. Con el tratei de poñer orde na cronoloxía dun dos poetas máis interesantes e orixinais do século XIX.
Aínda que poida parecer un escritor hoxe esquecido, Añón está vivo na cultura outense. Mais a memoria que hai del é basicamente oral. Sabemos moi pouco aínda da súa participación no levantamento de 1846, do "Hino dos povos", das viaxes por Europa con Mr. Shawford, dos seus retratos, da vida sentimental e familiar, do labor xornalístico... No libro ocúpome destes asuntos aportando o que puiden averiguar. Moitos misterios da súa biografía quizais morreron cos vellos que sabían cousas nunca escritas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.