"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

martes, 4 de decembro de 2012

O vampiro de Añón

Esta nova entrada vén complementar a anterior. A continuación insiro a última columna que publiquei no suplemento do ABC; desculpade pois que se repitan algúns datos, nomeadamente no parágrafo inicial (sobre os meus primeiros contactos coa biografía do poeta).


Aos dezasete anos presenteime ao I Certame de Poesía Francisco Añón, convocado polo Concello de Outes, e fun premiado cun vale por vinte mil pesetas a canxear en calquera libraría outense e coa publicación daqueles protopoemas (felizmente difíciles de atopar). Un dos libros que merquei foi Vida e obra de Francisco Añón, a tese doutoral de Bel Ortega, pois pareceume que sabía moi pouco (só coñecía os versos que lle escoitara a meu avó e a algunha mestra) daquel poeta afastado cuxo busto de bronce mirara con indiferenza nas miñas visitas á biblioteca municipal e a quen lle debía uns cartos ben descansados. Desde que lin a súa biografía o interese foi medrando paralelo ao meu modesto percorrido polas letras. 
Un dos estudosos que máis me animou a chama da curiosidade foi Gonzalo Navaza. Por el souben que Añón fora un pioneiro en moitos aspectos (e non só nos involuntarios, como o de probablemente ter o mérito de ser o primeiro escritor galego fotografado): nos seus versos aparecen, seguramente por vez primeira en lingua galega, unha referencia a Nova York, a homeopatía, un vampiro... Si, un vampiro, nun poema de 1876, cando aínda non se publicara Drácula (Londres, 1897). Aparece nunha preciosa elexía a Teodosio Vesteiro Torres, escrita pouco despois do suicidio deste; tamén contén o texto a que quizais sexa a primeira descrición dunha urbe contemporánea na literatura galega. 
Na Fundación Luís Seoane da Coruña tiven ocasión de ver a magnífica exposición "Drácula, un monstro sen reflexo. Cen anos sen Bram Stoker (1847-1912)". O coidado dos organizadores levou mesmo a incluír elementos textuais que relacionaban Galicia con esta temática: El vampiro, de Pardo Bazán; Un ollo de vidro, de Castelao; Un claro del bosque, de Fernández Flórez; a Carta XX do Padre Feijoo. Mais nada do vampiro de Añón, aquel que hai tempo me mordeu. Parece que non soubesen del, e é unha mágoa porque, ao nacer o 9 de outubro de 1812, sería boa ocasión de homenaxear o seu bicentenario. A elexía a Vesteiro faime máis ben pensar no animaliño quiróptero e non tanto no humano que volve da morte; mais tamén son quirópteros os que pinta Goya e si figuran na exposición. Consultei a Wikipedia; tampouco alí o vampiro de Añón ten reflexo.
Publicado na sección Artes & Letras Galicia
no diario ABC do 27 de outubro de 2012



Velaquí o meu exemplar do libro de Bel Ortega. A enruga que atravesa a capa denota o seu proveito. Téñoo repleto de anotacións e papeliños marcando páxinas. Agora mesmo está en proceso de restauración. Custoume daquela (5-8-97) 4.120 pesetas, nunha libraría que xa non existe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.