"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

martes, 30 de abril de 2013

Neva


Quedaron atrás os días de perpetua chuvia e veu arrimando un sol tímido. Por veces vai frío. Temporal de vento frío. As folerpas da neve do pasado marzo aínda lamben os vidros da nosa memoria. Era moi neno cando pisei a neve na azotea da casa de meus padriños. Camiño pola neve, con moita roupa de abrigo, no reducido espazo onde se me permite xogar. Unha pedra medio cuberta polo manto branco chama a miña atención. Doulle a volta. Debaixo hai unha serpe; talvez unha cría de víbora. Pode que sexa a miña primeira lembranza, pero non recordo máis. Talvez a esmagase coa mesma pedra; talvez fuxise reptando pola neve fría.



Xa vos falara de pasada daquela vez que nevara á saída dun cine de Noia, na miña adolescencia, e hoxe complétovos algo máis o mapa do frío. Quizais leades isto e fóra bata o sol, xa non tan tímido. Mesmo pode que un sol deses que baldan. Cando escribín unha columna sobre a neve para o xornal ABC non nevaba fóra. Por iso, mentres pensaba en redactar esta entrada, ademais de a aquela tarde remota, volvín a aqueloutra na que Bernardo Atxaga andaba por acá e puiden escoitarlle que unha vez, un día de verán de moito calmuzo, el estaba pechado nun cuarto, escribindo, con máis gana de estar na praia; morría de calor, o sol petaba fóra mais el escribía un relato sobre a neve; e sentiu que tiña un oficio ben estraño. 
Se o queredes máis literario aínda, e relacionado con Joyce (que será protagonista do meu texto), só tedes que ir á última páxina de Molloy, de Samuel Beckett (sombra de Joyce que un día logrou despegarse dos pés do ídolo, grazas a que comprendeu que onde o outro sumara el tiña que restar; namorouse da obra de Joyce até a extinción do estilo e a filla de Joyce namorouse del até a esquizofrenia): "Daquela entrei na casa e escribín: É medianoite. A chuvia bate nos cristais. Non era medianoite. Non chovía". Se queredes que alguén con opinión autorizada vos anime a ler, ou reler, Molloynon se me ocorre ninguén mellor ca Enrique Vila-Matas. Eu só podo animarvos a que leades o texto que escribín para o ABC.

Se subides neste coche nevado levaravos a el
É bo que haxa ritos. Un dos meus é ler cada ano, a ser posible na Noitevella, o relato "Os mortos", de James Joyce. Pode semellar pedantería, mais para min é necesidade. A necesidade de aprender (e aprehender) unha escrita de prata e de sombras, a caer oblicua cara ás luces. Non teño en moita estima (quizais pola miña incapacidade) o resto do libro Dubliners, mais o relato que o pecha é unha alfaia, a proba que desmontaría calquera ataque contra Joyce. A perfección habita alí, se sabemos escoitar podemos finalmente "heard the snow falling faintly trhough the universe and faintly falling, like the descent of their last end, upon all the living and the dead". Camilo José Cela tomou boa nota da lección, e aplicouna no inicio e na fin de Mazurca para dos muertos, mudando a neve por chuvia e orballo: "llueve sobre los vivos, los muertos y los que van a morir". "Orballo.../ Cómo vai caíndo,/ sin velo,/ sin sentilo,/ lento,/ como o vestigio platónico das horas,/ com´o tempo", deixou escrito Roberto Blanco Torres, poucos anos antes do paseo que o levou ao mundo dos mortos, a ser acariciado pola neve e polo orballo. 

Estes días estiven lendo dous cómics de Alfonso Zapico maxistrais: Dublinés e La ruta Joyce, a biografía do escritor e mais a feitura da mesma. Entrei nestas páxinas como nunha paisaxe nevada. Impactoume especialmente a historia do rapaz enfermo, namorado de Nora Barnacle, que morre pouco despois de coller unha molladura, por estar á chuvia, diante da casa dela. Máis ou menos o que lle conta Gretta a Gabriel en "The Dead".
Quizais porque unha das miñas primeiras lembranzas infantís ten a neve como protagonista, fascíname a súa maxia. Búscoa, aínda que sexa artificial, pechada nas bólas de cristal. Igual que nos libros. É un elemento moi literario. Neve e sangue, vermello sobre branco, nunha mestura imposible. Neve e recordo, como nas historias de Xuan Bello, en cuxa memoria sempre neva. Neve e amor; un haiku de Belén Sobrado: "É como a neve,/ o amor derrete e cae/ só cando quere". Unha noite de chuvia, pechado con Eva no interior do coche, nun xardín secreto, xurei amor. Cando saímos da nosa bóla de cristal, comezaron a caer mansamente e sen parar folerpas de neve. Vin como se fundían no seu cabelo; así habían fundirse contra as árbores e contra a terra, onde respiran todos os vivos, e os mortos. 


Publicado na sección Artes & Letras Galicia
no diario ABC do 29 de marzo de 2013



Agora debedes seguir vós o camiño a través da neve.


As fotografías anteriores fíxoas Eva en marzo deste ano.
A última bóla de cristal tamén ma regalou ela. No interior, pechada, bate a neve artificial.


Daquela entrei na casa e escribín: A neve bate nos cristais. Non nevaba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.