Hai hoxe cinco anos comezaba a miña aventura no suplemento Artes & Letras Galicia do ABC, e con el as miñas "Flores de Papel". Xa sabedes, a causa principal deste blogue. Como a publicación leva uns meses suspendida provisionalmente, e como xa van alá cinco anos (que diría o meu amigo Nacho Suárez) decidín ir recuperando (tal como tiña mentes de facer hai tempo) de xeito cronolóxico, mes a mes, as columnas literarias que fun publicando desde o 2009. Daquela aínda non se facía a edición dixital do suplemento na páxina web do diario, co cal a maioría deses textos só apareceran en papel. Ademais, aínda cando si se publicaba a versión dixital do suplemento, non sempre se penduraban todos os contidos do mesmo, co cal algunha columna seguía no limbo do papel e non vola ofrecín no seu momento. Así pois, vós podedes ler máis textos (se aínda vos interesan), eu teño a sensación de que escribo algo... e todos tan contentos.
Para lembrar a humilde efeméride, non estará de máis, maxino, contar sucintamente como se foi xestando o Artes & Letras Galicia. Ana Martínez Pedrosa, de quen xa falei nunha entrada anterior, era daquela redactora xefa da delegación galega e foi quen me propuxo coordinar o proxecto. Tratábase dun mensual cultural que se publicaría no ABC nalgunhas comunidades autónomas, a imitación do ABCD. Las Artes y las Letras madrileño (o suplemento ABC Cultural que sae os sábados co diario), pero con menos páxinas (dezaseis) e máis centrado na actualidade cultural de Galiza. Aceptei, non moi convencido e aínda pensei rendirme cando sacamos o segundo número, en febreiro de 2009 (igual volo conto noutra ocasión).
O primeiro que tiñamos que facer era presentarlle aos redactores do ABCD un guión da publicación galega coas seccións e contidos. Evidentemente o meu primeiro bocexo foi rexeitado, principalmente por ser demasiado literario; as artes plásticas (das que son un completo ignorante) debían ter maior presenza. Contabamos con que o noso suplemento fose o primeiro pero adiantóusenos o de Valencia (despois nosa virían, se non me equivoco, o de Castela-A Mancha, Aragón...). Aínda que nos sacou protagonismo, aportounos ideas, e vendo o que se facía no ABC Cultural, irmán maior (por non dicir pai e nai), así como noutros xornais e revistas, e aportando as nosas propias invencións, fomos perfilando o que algúns de vós puidestes ler. O único que nos esixían é que os textos aparecesen, sempre que fose posible, en versión bilingüe galego-castelán ou viceversa. Sei que moita xente non o entende, mais era iso ou non facelo. Ou facelo todo en castelán. A miña columna si ía sempre en galego e seguiu así cando xa non era coordinador. Os textos das portadas case sempre ían en castelán.

Velaquí tedes o primeiro número. Entre 1908 e 1909 Valle-Inclán publicara "La Guerra Carlista", a triloxía dedicada á causa á que estivo vinculado. Aproveitei o centenario para abrir con este "escritor galego en lingua española", como se diría nunha enciclopedia non convencional. Como acababan de reeditar o libro O carlismo galego de Xosé Ramón Barreiro, pareceume que era idóneo entrevistalo (e daquela era presidente da RAG; mellor aínda). Lembro que quedei con el o 20 de xaneiro de 2009, porque mentres agardaba a hora da entrevista estiven nun bar da Coruña vendo por televisión a toma de posesión de Obama. Daí debín quitar algunha idea para a primeira Flor de Papel:
En realidade a primeira columna que publicase ía tratar sobre os cartos que enterraran na Cidade da Cultura. Sería un texto irónico con referencias ao Ciprianillo (que tamén acababa de reeditar Toxosoutos) e aos saqueadores avarentos que disque tolearon por culpa deste libro tentando atopar tesouros enterrados por toda Galiza. Imaxinaba os galegos do futuro toleando por non encontrar tantos cartos como foran (e estaban a ser) enterrados no Monte Gaiás. O delegado do xornal convenceume de que era mellor enterrar este texto, pois en pleno goberno do bipartito non parecía elegante comezar unha publicación cultural atacando as decisións políticas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Se non xa naceriamos marcados: "claro, o ABC". Mellor falar doutro tipo de políticas culturais. Entón escribín isto:
Naquela primeira entrega do suplemento apareceu igualmente un texto sobre a Cidade da Cultura (como non), daquela aínda en construción (igual que agora), pero era unha crónica máis ben descritiva asinada por Ana.
Hoxe lembrei todo isto, e moito máis. "Entón entrei na casa e escribín: É medianoite. A chuvia bate nos critais. Era case media noite. Chovía". Pedinlle prestado o final de Molloy a Samuel Beckett, a cambio el sabe que sempre pode dispór dos meus vellos zapatos gastados. Os mesmos que eran novos cando comecei a colaborar co ABC, os que nunca foron bos para a chuvia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.