Aínda que non sexa
hábito, preséntovos hoxe un texto concibido en castelán. Calma, como non podía
ser menos, traducino ao galego para facérvolo presentable (mesmo tentei imitar
os xogos tipográficos que faciamos no periódico). Trátase do artigo que publiquei
o 25 de xullo de 2009 no suplemento ABCD
de las Artes y las Letras, do diario ABC.
Repararedes en que non estou a falar do que coordinaba eu, senón do que se
facía para toda España, o que actualmente se chama ABC cultural.
Pedíranme para a
ocasión un texto sobre cultura galega e xacobea. Saberedes desculpar as
alusións a algunha efeméride cincuentenaria xa caducada, pois, obviamente,
refírense ao mentado ano 2009.
O artigo publicouse
con lixeiras variacións que apenas afectaban a aspectos de edición (cambios
innecesarios, ao meu ver). Preferín traducir o texto orixinal, tal como o
deixei despois de ir puíndo outro moito máis longo (chegaba ás catro páxinas e
aínda con ideas no tinteiro). O tema dá para moito. Por hoxe penso que basta
así.
Que teñades bo Día
da Patria ou do Apóstolo, como vós queirades, que a min váleme igual!
GAUDEAMUS, EXULTEMUS E ULTREIA
A CELEBRACIÓN DO DÍA DE GALICIA, CHEA DE ECOS
LITERARIOS, É BOA OCASIÓN PARA RECORDAR ALGUNHAS OBRAS CINCUENTENARIAS E
IMPRESCINDIBLES
O EXILIO E GALAXIA. Ao mesmo panteón foron trasladados en 1984 os restos do exiliado
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, escritor, pintor e político (o máis importante
do Partido Galeguista), falecido en 1950 en Buenos Aires. O seu discurso Alba de Groria, dedicado ao Día de
Galicia, é representativo do ideario político e social que expresou no ensaio Sempre en Galiza.
A creación da Editorial Galaxia, no mesmo ano da morte de Castelao,
supón a concretización da estratexia antifranquista adoptada en Galicia,
diferenciada das teses dos exiliados. Precisamente o Día do Apóstolo de 1950
fundouse, en Santiago, dita sociedade, da que Ramón Piñeiro foi o seu primeiro
director literario. Este galeguista volve estar de actualidade ao ser
homenaxeado no Día das Letras Galegas, distinción póstuma que anualmente (desde
1963, centenario de Cantares Gallegos,
de Rosalía de Castro) outorga a Real Academia Galega.
Pero a gran conmemoración do 2009 puido ser o cincuentenario de A Esmorga, novela imprescindible de
Eduardo Blanco Amor (traducida ao castelán polo propio autor como La Parranda e levada ao cine por Gonzalo
Suárez). Tras ser censurada en España, ao non poder saír en Galaxia (onde só
pode editarse, expurgada, en 1970), publicouse en 1959 en Buenos Aires, na
colección “Mestre Mateo” da editorial Citania, que dirixía Luís Seoane.
ALGÚNS POETAS BOS. Era o mesmo ano da morte do poeta Ramón Cabanillas, e da edición
arxentina da súa Obra Completa, a
cargo de Blanco Amor e Seoane. En 1951, precisamente cun título de Cabanillas, Antífona da Cantiga, iniciara Galaxia a
súa andaina. Pouco antes, o xa mentado Ramón Piñeiro escribe o ensaio “A poesía
de Lois Pimentel na lírica galega”, radiado pola BBC desde Londres. Falecido
Pimentel en 1958, coa súa obra practicamente inédita, os seus amigos elixen os
poemas de Sombra do aire na herba,
que verá a luz ao ano seguinte na editorial dirixida por Piñeiro.
O tempo, que levou con el outros cincuenta anos, tróuxonos, como
contrapartida, un novo Día de Galicia. Xa Dante nos lembra que a Santiago lle
corresponde a virtude teologal da esperanza, a mesma que sentían os antigos
peregrinos ao cantar Ultreia. Teñamos
pois esperanza na literatura galega e na perspectiva dada polo paso do tempo,
que acostuma poñer cada obra no seu sitio. Porque así como hai un Santiago que
mata, hai outro que peregrina.
DESDE O LIBER SANCTI IACOBI, ATA A PRIMEIRA BIBLIA EN
GALEGO, PASANDO POLA EDITORIAL GALAXIA, A CULTURA LITERARIA DE GALICIA CAMIÑOU
PARELLA Á FIGURA DO APÓSTOLO
[i] Nota de 2016: Acordouse durante a II Asemblea Nacionalista, celebrada en Santiago de
Compostela en 1919. Cando escribín o artigo obviei máis modernos sintagmas como
Día Nacional de Galicia, Día da Patria Galega, etc. Así, de paso que evitaba
eventuais xustificacións ante os xefes, alimentaba a miña mala fama e
aforráballe o desconcerto a un bo número de lectores, nomeadamente non galegos.