Desta resaca de letras líquidas salvo hoxe un texto publicado no nº 34 da que xa é, que eu saiba, a revista máis lonxeva de Outes. O título era o mesmo que encabeza esta entrada. Dicía así:
Coido que foi o etnógrafo Xaquín Lorenzo
("Xocas") quen, nunha conferencia, lembrando as excursións dominicais
nas que participou de mozo coa xente do grupo Nós, contaba esta anécdota: os
excursionistas non podían saír de Ourense até que rematase o partido de fútbol
no campo local, pois Florentino L. Cuevillas toleaba por este deporte.
Daqueles tempos, a outra cidade cultural
por excelencia era A Coruña, onde se fundara en 1906 a Real Academia Galega,
mais tamén o Deportivo e, xa de paso, a Estrella Galicia. Se a cultura do amor
á terra, contra a cultura do amor ao campo (de fútbol), sempre perde, que non
sucederá cando entra no triángulo a cultura do alcol?
É fácil imaxinar os señores burgueses da
época unha tarde de verán, tomando unha fresca cervexa, abanando o sombreiro
cara á face conxestionada, despois do match
de fútbol. O difícil é figurarse a cara de abraio dos asistentes en Betanzos ao
primeiro mitin en lingua galega, da man de Manuel Lugrís Freire, o 6 de outubro
de 1907. Ou como sería escoitar a primeira conferencia, tamén en idioma galego,
impartida na Universidade de Santiago de Compostela polo catedrático Lois
Porteiro Garea, en setembro de 1915...
No primeiro terzo do século XX os tempos
estaban a mudar: tras a RAG virán outras importantes institucións que colaboran
a que o galego escrito deixe de ser unha mera lingua literaria (poética) e dea
o salto á prensa, ao ensaio, á tradución... E, como digo, que a lingua oral
poida empregarse sen complexos nos actos políticos e académicos.
Polos mesmos días que remataban nos
estaleiros do Freixo o balandro Joaquín Vieta, e van alá xa cen anos, aparecía
unha asociación que acabou por ser un partido... mais non de fútbol.
Carnet de irmandiño do xornalista Xerardo Roque, coa sinatura de Antón Vilar Ponte.
Imaxe compartida por regueifeiro, baixo licenza CC BY 2.0
Un grupo de intelectuais en Madrid
("madrilegos", como diría M. Rodríguez Alonso), con Aurelio Ribalta á
cabeza, fundara a revista Estudios
Gallegos, e en 1915 fan desde as súas páxinas un chamamento para a defensa
da lingua. O 5 de xaneiro de 1916 o eco chega á Coruña, onde un mozo
xornalista, Antón Villar Ponte, empeza a publicar en La Voz de Galicia unha serie de textos onde avoga pola creación
dunha Liga de Amigos do Idioma Galego. A idea vai collendo forma e o 18 de maio
de 1916, nos propios salóns da RAG, ten lugar unha xuntanza á que acode o máis
destacado do galeguismo coruñés, varios rexionalistas de Solidaridad Gallega,
moitos deles vinculados coa incipiente Academia Galega. Aí nace "Os amigos
da Fala Gallega", con A. Villar Ponte como Primeiro Conselleiro. O 28 de
maio constitúese en Santiago outro grupo, xa co nome de "Irmandade da
Fala", dirixido polo xa mentado profesor Lois Porteiro Garea. As
Irmandades foron estendéndose por toda Galiza (calcúlase que en 1918 habería
uns 700 afiliados, se ben na cidade da Coruña residía a metade deles). Unha
elite que por orixe era de clase social castelanófona comeza a tomar conciencia
do país.
No regulamento da Irmandade da Coruña
recollerase que os irmandiños se comprometen a falar entre eles o idioma galego
e que traballarán con gana para que as publicacións galegas dediquen un espazo
aos escritores en galego. O 14 de novembro de 1916 aparece como boletín das
Irmandades A Nosa Terra (e serao até
1932, cando se converte no voceiro do Partido Galeguista, como xa antes, entre
1907 e 1908, o fora dos rexionalistas de Solidaridad Gallega), e ese primeiro
número contén un artigo de A. Villar Ponte, "A bandeira ergueita",
toda unha declaración de principios: "Todal-a nosa persoalidade está na
nosa lingua". É a primeira vez que o nacionalismo galego é monolingüe. Ao
contrario do que sucedera na etapa rexionalista, imponse a coherencia de
expresarse (sequera en público) na lingua propia da nación que se di defender.
En marzo de 1916 A. Villar Ponte dera á
imprenta o folleto propagandístico Nacionalismo
Gallego: Nuestra "afirmación" regional, cuxo propio título
evidencia a feble liña ideolóxica que separaba os conceptos rexionalismo e
nacionalismo, se ben pouco despois foi prevalecendo a última, pois mesmo os partidos
máis centralistas (igual que hoxe) podían declararse rexionalistas. Tamén desde
o inicio houbo nas Irmandades dúas tendencias diferenciadas: a política (isto
é, a intención de converterse en partido), encabezada por Peña Novo; a
cultural, liderada por Vicente Risco (recén chegado ao galeguismo).
Lois Porteiro Garea prepara, xunto con
Peña Novo e outros significados, a primeira asemblea das Irmandades, que se
celebra en Lugo en novembro de 1918. Este era o salto político definitivo, pois
é aquí cando se asina o manisfesto onde se sostén (art. I) que Galiza é unha
nación: "Tendo a Galicia todal-as características esenciaes da
nazonalidade, nós nomeámonos, de oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a
verba «rexionalismo» non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a
intensidade dos nosos problemas". Dúas das reivindicacións do manifesto
eran a "Cooficialidade dos idiomas galego e castelán" e a
"Igoaldade de direitos pr-a muller".
Mais deixando a un lado a política...,
como rematou o partido? Pois da seguinte maneira: Antonio Villar Chao
(1921-2000), fillo do fundador das Irmandades, xogou de dianteiro no RC
Deportivo e mais no CD Málaga. A revista A
Nosa Terra aguantou, sostendo diversas empresas político-culturais, cerca
de cen anos até a súa extinción. E
Terra de Outes, humildemente, é unha das publicacións que aínda seguen
mantendo vivas as verbas que ceibaron as Irmandades da Fala.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.