"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

domingo, 28 de xullo de 2019

Coa primeira luz do día

"Qui ti posò, ma pria mi dimostraro
li occhi suoi belli quella intrata aperta;
poi ella e 'l sonno ad una se n'andaro.
A guisa d'uom che 'n dubbio si raccerta
e che muta in conforto sua paura,
poi che la verità li è discoperta,
mi cambia' io; (...)"

Purgatorio, canto IX, vv. 61-67

Estes versos copieinos no meu perfil de Facebook o 13 de decembro do ano pasado. Calquera pretensión enigmática queda difuminada ante os entendedores do inmenso poema de Dante, axudados pola referencia final. Ao comprobar que só unhas dez persoas premeran no "gústame" sentín que eran a inmensa minoría, da que tamén eu quería formar parte, polo menos nese intre virtual. Era xusto o día de Santa Lucía. Pola tarde fora á misa a Tarás, na capela dedicada á mártir de Siracusa. En Outes especificamos: Santa Lucía do inverno, porque tamén en Tarás hai a festa de Santa Lucía do verán, cando o día xa lle quitou todo o que puido á noite. Mais eu prefiro as misas vespertinas do inverno, cando o humilde templo, algo apartado entre o monte, está na semipenumbra. Téñolle unha querenza especial ao contorno porque aí sacáronlle ao finado de meu padriño (morreu hai tres anos, 3; tres meses, 3, despois de que tamén morrese miña madriña) unha foto de grupo nos anos corenta, a foto da banda de música na que el tocaba. 
Pola noite, ao chegar á casa busquei o canto de Dante no que aparece Santa Lucía. Débolle o recordatorio ao cura (quen ía dicilo!), que tivo un arrebato erudito para consignar o feito no seu sermón. Desta maneira foi como me deixei emocionar polos versos que, ao escoitalos cos ollos, ía facendo meus. Se vos é moi duro lelos na lingua de Dante (tamén a min me custa, porque non é aínda o actual italiano; é lei de vida que os fillos miten aos pais, pero vaia...) velaquí tedes unha versión españolizada:


"«Sus bellos ojos en que amor lucía,
me señalaron esa brecha abierta,
y tu sueño se fué, cuando partía.»
Como quien en sí mismo a ver no acierta,
y que cambia en confianza su pavura
cuando al fin la verdad ve descubierta;
tal cambié yo, (...)"

Trad. Bartolomé Mitre, 
ed. Centro Cultural "Latium" 
(Buenos Aires, 1922)

Na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes pódese descargar de balde.
Si, xa vexo (grazas, santiña, polo don da vista) que o tradutor tomou certas licenzas. E iso que na portada do libro consta que é "Traducción en verso ajustada al original". Hai quen cambia o que din os libros, como hai libros que cambian a quen os le. Tamén, e quen sabe se foi xa no medio do camiño da nosa vida (da miña e da de Eva), cambiei eu, "pasando a amargura" (era este o fragmento que suprimín na cita de Dante), cando veu ao mundo Lucía, a nosa filla.



 Esta foto fíxenllela a Eva e a Lucía na igrexa de Cee,
ante a imaxe de Santa Lucía. Foi o día de San Xoán de 2019,
cando levamos a nosa filla a Lires, a coñecer o mar.

P.s.: Remato esta entrada coa primeira luz do día 28 de xullo, xusto un ano despois de que eu e Eva arrancásemos para o hospital de Santiago, coa primeira luz do día, mentres as contraccións ían en aumento. Ás 20:28 horas do 28 de xullo de 2018 nacía a nena (á vista está que o seu número ten que ser o oito; Dante, quen tanta fe puña no simbolismo dos números, escribiu con 18 anos o primeiro poema dedicado a Beatriz e consideraba que a idade perfecta era ata os 81 anos -nos dous casos, 1+8 ou 8+1, ocúltase o 9, isto é, o amor, ou 3 veces 3-). Por iso programei esta entrada para que o intre exacto do aniversario coincidise coa nova etapa do blogue, tras case 3 anos de sequía (isto foi pura coincidencia, como tamén o é que vaia para outros 9 que o botei a andar). Estes días estou a traballar para facer algúns cambios (poucos, o que poida ir discorrendo; os cambios importantes, como entenderedes, van tendo lugar na vida, na vida terreal, é dicir, non precisamente nestoutra vida virtual, que tampouco é eterna). Por agora xa está enlazado ao dominio que merquei en .gal. Acompaña así a Lucía nos primeiros pasos (aínda non anda e xa se nota que sofre por non falar!). Nós, eu con vós, seguiremos falando (e agardemos que desta vez sexa antes de que o faga a nena ou igual teriades que agardar cerca doutro ano). 


Sempre o 3, sempre os tres...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.