"Na outra banda dixéronme
os vellos vanse convertendo en arbres
vellas tamén sen follas na cara do sol
agardando sen saber o que
mudos".

Álvaro Cunqueiro

xoves, 22 de agosto de 2019

Tamén este verán pasará

Aquí non fechamos por vacacións de agosto, senón por preguiza. Disque se repites as mesmas rutinas a diario o tempo pasa máis rápido, e o certo é que este verán foi coma unha bala. Tiña mentes de actualizar máis o blogue (como sempre), mesmo proxectara xa varias entradas mentalmente, pero sempre volvo defraudar as dúas ou tres lectoras que aínda teño; "sempre me matan", como diría o autor. Agora, tarde, mal e arrastro, sairei como poida do paso con algo parecido ao que fai o meu amigo Manolo do Río no seu blogue, cando, ao rematar cada mes (el si, puntualmente), pon unha listaxe do que foi lendo. Fágoo para deixar constancia do máis produtivo (fóra do coidado de Lucía) que fixen este verán: ler. As horas máis propicias están a ser as de despois da media noite, ás veces ata as tres ou catro da mañá, na cama, coa mortecina luz da lámpada, mentres Eva e a nena dormen. Son as horas de máis calma durante o día.


Déitome tardísimo porque agardo a que Lucía estea verdadeiramente durmida mentres vexo a televisión. Despois, de luns a xoves, gústame ver os concertos de jazz dos festivais que botan na segunda canle da TVE. Ás veces xa comezo a ler mentres escoito a música de fondo. Pero onde máis leo é na cama. Durante o resto do día máis ben miro de pasada os xornais nas cafetarías. 
O malo de deitarse tan tarde é cando o insomnio me fai madrugar máis do querido; como contrapartida, é frecuente que aproveite as noites en vela para actualizar este blogue, como estou a facer agora.
A continuación vai o lido no mes de xullo (acompaño cada título dun breve comentario explicando algunhas circunstancias, ben sobre o contido ben sobre o que me levou a esa lectura):

La nueva educación, César Bona. O día 28 de xuño, ao vir do xantar de fin de curso, merqueino no Eroski da Barquiña. O autor é un FAMOSO e EXITOSO mestre. Deume un arrebato pedagóxico  de última hora, un canto de cisne antes de deixar atrás (outra vez) o instituto Virxe do Mar. 
Los placeres y los días, Francisco Umbral. Xa me gustaba a prosa de Umbral, pero quedei definitivamente convencido, hai poucos anos,con Mortal y rosa. No que lin agora, editado con motivo do premio Cervantes, ofrécese unha selección dos artigos de El Mundo do ano 2000. Non me digades que non vale a pena algo así: 
"Llego a un pueblo y me ofrecen cerdo y es como si me ofrecieran, con el vino tinto, los restos de aquel hermano listo que marchó a estudiar a la ciudad:
-Se nos murió de tantos libros.
-Claro, claro.
Pero todos sabemos y callamos del cuchillo que le metieron procurando "no hacer mierda", como dicen ellos". ("El cerdo intelectual".) Ademais da frase chispeante, Umbral regálame grandes momentos de humor (talvez) involuntario.
Matrioskas, Gabriel G. Esteves. Coñezo a Gabriel desde os anos da carreira. A súa novela é un canto de amor a Compostela, a cidade que o acolleu. Xa pasou unha década desde a redacción pero aínda se publicou hai uns meses. 
También esto pasará, Milena Busquets. Esta novela arrasou hai un par de anos na feira de Frankfurt. Ten algo de autobiográfica, cando trata o dó pola morte da nai, a editora Esther Tusquets. 
Buenos días, tristeza, Françoise Sagan. Unha das lecturas pendentes hai xa moito tempo. Lina xusto despois do de M. Busquets porque a crítica citaba a F. Sagan como unha das súas influencias.
Tres minutos no aire, Miguel Anxo Murado. Este é o escritor galego que máis sigo e admiro desde hai varios anos. Aquí recóllense colaboracións radiofónicas (de aí o título) do castrado Diario Cultural da Radio Galega. Sigo agardando cada domingo para ler a contraportada de La Voz de Galicia co artigo de Murado, que é un gran xornalista. Grazas a unha amiga común, Mónica Baleirón (que lle axuda na revisión lingüística dos libros), puiden coñecelo e tomar un café con el. 

Poden parecer bastantes lecturas, mais hai que ter en conta que adoito escapar dos volumes grosos. E tamén reparariades en que Manolo do Río le cousas moito máis complicadas. 
No que vai de agosto: Tus pasos en la escalera, que é a última novela de Antonio Muñoz Molina; 
A lenda do santo bebedor, de Joseph Roth, que vai gañando a miña inmensa devoción libro a libro; rematei (deixárao a medias o verán pasado) Últimas noticias de la escritura, de Sergio Chejfec, libriño que contén un sesudo e traballado ensaio despois dunhas páxinas iniciais que me fixeran prever, equivocadamente, unha lectura máis leve. Agora xa me faltan poucas páxinas de Cosas que los nietos deberían saber, do músico Mark Oliver Everett, e mais de Menos joven (El peinado de Calígula), de Rubén Martín Giráldez, novela da que vos darei máis detalles nunha entrada vindeira. 
De por parte, tamén vou petiscando nalgunha páxina de poesía ou así, cando teño menos tempo ou menos gana de textos longos. Aquí tedes unha imaxe recente da mesa de noite:


Os artigos e pequenos ensaios de Vila-Matas xa os empezara cando naceu Lucía. Despois de ver por enésima vez a entrevista de Dragó a Panero quixen reler algúns poemas. Herbert é unha das últimas descubertas, tamén o merquei o ano pasado, uns días antes de que nacese a nena, e teño aínda pendente o derradeiro relato, que lle dá título ao libro: "Tráiganme la cabeza de Quentin Tarantino" (por certo, haberá que volver ao cinema estes días). O que está revirado é Partidarios de la felicidad, unha antoloxía da xeración catalá dos cincuenta; deixeillo a unha alumna e aproveitei para reler cousas soltas de Gil de Biedma. O susodito volume con artigos de Umbral (tamén falei dúas liñas arriba do cine e non podo evitar lembrar agora o porteiro do Valle-Inclán) ten por riba unha antoloxía de poemas de Machado que merquei en Noia hai xa moitos anos, nun posto das festas de San Bartolomeu, que comezan mañá unha nova edición. Aproveitade as festas que quedan do verán, pois tamén isto pasará.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.